Concurso A Fume de Carozo

Entre o 12 e o 14 de outubro de 2018 terá lugar un concurso de realización express en Vedra no que os participantes terán 50 horas para crear unha peza audiovisual seguindo uns requisitos revelados pola organización no comezo do festival.

Límite de 10 equipos por categoría (curtas e videoclips) + os que saian dos cursos.

Inscrición aberta ata o domingo 7 de outubro

Quen pode participar?

Calquera persoa maior de idade, de xeito individual ou en grupo, que se inscriba na web www.senunpeso.org.

O número máximo de equipos de participantes que non asistan aos obradoiros de formación do LAV.mov é de 10 por categoría (as persoas que se presenten de xeito individual contan como un equipo). Quen participe nos obradoiros terá reservada praza en calquera das categorías do concurso.

Que categorías hai?

  • Curtametraxes: total liberdade sobre o xénero (ficción, documental, experimental, videodanza...) ou a técnica, sempre e cando a curtametraxe cumpra as condicións e teña unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).
  • Videoclips: na recepción de participantes asignaránselles de forma aleatoria unha canción de entre 3 e 4 minutos dun grupo musical ou cantante da comarca de Vedra ou vinculado/a con esta. O videoclip deberá ter unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).

Canto custa?

10 € por equipo de rodaxe.

Cal é o premio?

1.000 € á mellor curtametraxe

1.000 € ao mellor videoclip

(E a posibilidade de gañar un vale de formación na Escola Unitaria mediante sorteo para todas aquelas persoas participantes non premiadas.)

Como é a programación?

Venres 12 de outubro

  • 11 h: recepción e presentación das normas comúns e específicas de cada categoría do concurso no Centro Sociocultural de Vedra.
  • 12 h: comezan as 50 horas de realización. A organización facilitará un espazo para reunións e edición do que as persoas participantes poderán dispoñer nun horario específico, así como información de interese que poida servirlles para orientar as pezas ou conseguir recursos (localizacións, ideas, actores e actrices etc.).
  • Jorge Coira estará dispoñible como mentor co fin de orientar e resolver dúbidas sobre a planificación (idea, guión, preprodución...).

Sábado 13 de outubro

  • Continúa o concurso. María Lobo e/ou Roi Guitián de Gingko estarán dispoñibles para asesorar sobre a realización (rodaxe, produción...).

Domingo 14 de outubro

  • Últimas horas do concurso. Mar Catarina e/ou Rubén Domínguez de Prenom estarán dispoñibles para mentorización cun enfoque centrado na edición (montaxe, posprodución...).
  • 14 h: entrega das pezas audiovisuais no Centro Sociocultural de Vedra.
  • 16 h: proxección de todas as pezas resultantes do festival, aberta ao público xeral.
  • Ao rematar a exhibición: deliberación do xurado e entrega de premios.

INSCRÍBETE

Modalidade videoclips

Nome representante do grupo
Correo electrónico



Modalidade curtametraxes

Nome representante do grupo
Correo electrónico

DESCARGA AS BASES

Descarga as bases de A Fume de Carozo

BASES

A Asociación Senunpeso Producións convoca a primeira edición do festival LAV.mov, un concurso de realización express de pezas audiovisuais que terá como obxectivo promover o interese pola creación audiovisual, descubrir novos talentos e aumentar o impacto da actividade de Senunpeso en Vedra e comarca.

O certame desenvolverase do 12 ao 14 de outubro de 2018 no concello de Vedra.

INSCRICIÓN

  • A participación no certame poderá ser de xeito individual ou en grupo, considerándose ambas as modalidades equivalentes e indistintas á hora de optar aos premios. Todas as persoas que participen deben ser maiores de idade.
  • A inscrición formalizarase a través de internet cubrindo un formulario na web www.senunpeso.org, onde se deberá indicar:
    • Nome do equipo (ou participante individual).
    • Nome, apelidos, idade e lugar de residencia de todas as persoas participantes.
    • Nome, apelidos, teléfono e e-mail da/s persoa/s responsable/s do equipo.
    • Categoría á que se presenta.
  • A inscrición ten un custo de 10 € por equipo de rodaxe (con independencia do número de persoas que o integren). A cota de inscrición debe ingresarse no número de conta facilitado pola organización unha vez formalizada a inscrición no formulario da web www.senunpeso.org. A praza non estará reservada ata que se efectúe o pagamento.
  • O número máximo de equipos compostos por persoas que non asistan aos obradoiros de formación da fin de semana anterior ao concurso é de 10 por categoría (as persoas que se presenten de xeito individual contan como un equipo). Quen participe nos obradoiros terá reservada praza en calquera das categorías do concurso.
  • A inscrición poderase realizar a partir do 6 de setembro de 2018 e finalizará o 8 de outubro de 2018. Tras cubrir o número máximo de equipos por estrita orde de pagamento, elaborarase unha lista de espera de equipos que poderán participar se hai baixas.

RECEPCIÓN DE PARTICIPANTES

  • O venres 12 de outubro de 2018 ás 11 h convocaranse as persoas participantes individuais e os equipos (ou representante/s do equipo) no Centro Sociocultural de Vedra para proporcionarlles:
    • As normas particulares do concurso que non sairán á luz ata ese momento. Estas condicións, que poden ser relativas á temática, guión, localizacións, atrezzo etc., serán de obrigado cumprimento.
    • Un catálogo de escenarios, contornas naturais e negocios locais que ofrece o concello de Vedra, dos que poden dispoñer os equipos participantes.
    • Unha carteira de actores e actrices afeccionados de Vedra, dispoñibles para participar nas pezas audiovisuais.
  • Calquera participante ou equipo que non se presente á recepción perderá o dereito ao premio do certame.

O CONCURSO

  • As pezas audiovisuais realizaranse na súa totalidade en 50 horas, desde as 12 h do venres 12 de outubro de 2018 ata as 14 h do domingo 14 de outubro de 2018. Calquera traballo anterior a ese período de tempo significará a descualificación da peza audiovisual.
  • A organización facilitaralles a todos os equipos información de interese que poida servirlles para orientar as pezas ou conseguir recursos (localizacións, ideas, actores e actrices etc.).
  • A organización facilitará un espazo para reunións e edición do que poderán dispoñer as persoas participantes nun horario específico.
  • Cada persoa ou equipo participante traballará co seu propio material técnico de rodaxe (cámara, móbiles, gravadoras, micros, claquetas, material de iluminación etc). A organización non se fai responsable de ningún dano, subtracción ou perda do devandito material.
  • As persoas ou equipos participantes deben ter os dereitos sobre calquera música utilizada ou empregar música libre de dereitos (con licenza Creative Commons). A organización poñerá á disposición un banco de temas musicais que poidan usar nas pezas audiovisuais cedidos por grupos e/ou distribuidoras de música galega colaboradores do certame.
  • Haberá dúas categorías: curtametraxes e videoclips.
    • Curtametraxes:existe total liberdade sobre o xénero (ficción, documental, experimental, videodanza...) ou a técnica, sempre e cando a curtametraxe cumpra as condicións xerais e específicas desta categoría reveladas na recepción do día 12 de outubro ás 11 h. A peza audiovisual deberá ter unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).
    • Videoclips: na recepción de participantes asignaránselles de forma aleatoria ás persoas ou equipos participantes a canción e grupo musical do que teñen que facer o videoclip. Será diferente para cada equipo. A peza musical facilitada pola organización terá unha duración de entre 3 e 4 minutos, e o videoclip deberá ter unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).
  • Ademais, os equipos deben cumprir unha serie de condicións xerais e específicas desta categoría que se revelarán na recepción do día 12 de outubro ás 11 h.
  • Os grupos musicais serán de Vedra ou da comarca e poden estar ou non dispoñibles para participar na gravación do videoclip (comunicarase á hora da asignación).

MENTORIZACIÓN

  • Durante a fin de semana do concurso estarán dispoñibles tres persoas mentoras para calquera equipo ou participante individual co fin de orientar e resolver dúbidas. As persoas mentoras serán profesionais audiovisuais.
  • As persoas mentoras distribuiranse da seguinte maneira:
    • Unha dispoñible o venres cun enfoque centrado na planificación (idea, guión, preprodución...).
    • Unha dispoñible o sábado cun enfoque centrado na realización (rodaxe, produción...).
    • Unha dispoñible o domingo cun enfoque centrado na edición (montaxe, posprodución...).

ENTREGA DA PEZA

  • As pezas audiovisuais serán entregadas o domingo 14 de outubro de 2018 ás 14 h no Centro Sociocultural de Vedra. Calquera peza audiovisual entregada despois das 14 h non poderá optar a ningún premio.
  • Cada grupo só poderá entregar unha peza.
  • Os equipos deben entregar as pezas audiovisuais nun pen drive (que será devolto no mesmo día) en formato .mp4 (H.264), cunha resolución mínima de 720p e bitrate de entre 10.000 e 15.000 kbits/s.
  • A organización non se fai responsable se unha peza audiovisual dá erro de lectura ou erro de formato.
  • Cada peza audiovisual deberá conter:
    • Cortinilla (que se poderá descargar da web)
    • Título
    • Peza audiovisual
    • Créditos finais
  • Cada equipo ou participante individual deberá entregar cuberta coa peza unha ficha técnica facilitada pola organización coa información da peza audiovisual (categoría, título, duración, formato, xénero, sinopse, equipo técnico, equipo artístico...), coa cal se comprobará que cumpriron todas as condicións.

EXHIBICIÓN

  • Todas as pezas audiovisuais presentadas serán proxectadas publicamente o domingo 14 de outubro de 2018 no Centro Sociocultural de Vedra a partir das 16 h. Posteriormente, farase a entrega de premios.

XURADO

  • O xurado, composto por profesionais do audiovisual, será o responsable de outorgar os premios ás pezas audiovisuais que cumpran todos os requisitos impostos pola organización.
  • O xurado poderá declarar deserto un ou os dous premios así como outorgar premios ex aequo (neste caso dividiríase o importe do premio entre os equipos premiados).
  • O fallo do xurado será inapelable.

PREMIOS

  • Os premios serán os seguintes:
    • MELLOR CURTAMETRAXE: 1.000 euros.
    • MELLOR VIDEOCLIP: 1.000 euros.
  • O premio entregarase mediante transferencia á conta da persoa que figure na inscrición como responsable do equipo gañador. A estas cantidades efectuaránselles as retencións fiscais que resulten obrigatorias en aplicación das normas fiscais vixentes.
  • Todas as persoas participantes non premiadas entrarán nun sorteo para formación na Escola Unitaria.

ASPECTOS LEGAIS

  • As pezas audiovisuais deberán ser orixinais. Cada equipo ou participante individual comprométese a obter todos os dereitos de explotación da peza audiovisual, así como a cesión de dereitos das persoas autoras (guionistas e músicos/as se os houber) e a cesión de dereitos de imaxe de intérpretes. A organización non se fai responsable das posibles sancións que se deriven polas infraccións de dereitos de terceiros.
  • A organización non se fai responsable das posibles sancións que se deriven polas infraccións de dereitos de terceiros e ten o dereito de non admitir a concurso aquelas pezas audiovisuais que considere violen os devanditos dereitos.
  • As pezas audiovisuais que se presenten non poden ser exhibidas antes da entrega de premios do LAV.mov.
  • As persoas participantes ceden á organización os dereitos de comunicación pública e reprodución das pezas realizadas, de forma non exclusiva, con fins unicamente promocionais e divulgativos do concurso.
  • Fóra do contexto do concurso, a difusión pública dos videoclips realizados precisará do mutuo acordo entre as partes implicadas (responsables da canción e responsables do audiovisual).
  • A organización conta cun seguro de responsabilidade civil, mais todas as persoas participantes deben actuar con precaución e seguridade nos días que dura o concurso.
  • A participación no certame LAV.mov implica a aceptación das normas redactadas nestas bases.