Obradoiro de videoclips

Prazas? 15 | Prezo? 60 €

Cando? sábado 6 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 19:30 h; domingo 7 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 17:30 h

Onde? Centro Social de Vedra

Inscrición aberta ata o mércores 3 de outubro

Impartido por: Prenom (Mar Catarina e Rubén Domínguez)

Dirixido a: todas as persoas que desexen explorar diferentes camiños para pensar e producir videoclips e que estean interesadas  na música e no audiovisual e nas posibilidades que ofrece o seu entrecruzamento. O nivel é básico-intermedio.

Material necesario: ordenador portátil con algún programa de edición (preferiblemente Premiere ou Vegas, aínda que calquera outro é válido tamén). Se alguén non ten ordenador portátil, pode asistir igualmente, xa que a edición se fará en parellas ou grupos.

INSCRÍBETE

Nome do alumno/a
Correo electrónico

PROGRAMA

Sábado 6 de outubro de 2018

Acción 1: Cartografía rítmica
Toma de contacto e presentación do proceso creativo de Prenom e análise de referencias estéticas co fin de crear un espazo de participación e un diálogo arredor dos materiais presentados.

Aspectos teóricos: presentación dunha breve historia do videoclip.

Acción 2: Mesa de montaxe
Creación de grupos de traballo (2 ou 3 persoas) para a elaboración dunha cápsula de videoclip que se desenvolverá empregando os recursos técnicos que se presentaron anteriormente. Na cuestión técnica farase fincapé en nocións básicas da linguaxe audiovisual.

A idea é estar abertos ás propostas e aos intereses do alumnado para un maior aproveitamento das sesións do obradoiro. Por iso, realizarase unha “choiva de ideas” para coñecer cales son as súas motivacións e traballar nelas.

A continuación, gravaranse as propostas seleccionadas e desenvolveranse ata acabar a sesión.

Domingo 7 de outubro de 2018
Acción 3: Coda helicoidal
Presentación teórica dos recursos básicos de edición e posprodución que se poden empregar na elaboración dun videoclip para, posteriormente, traballar sobre as imaxes gravadas o día anterior e outros materiais que presente o alumnado (imaxes de arquivo, motion graphics...).

Ao rematar, farase un visionado grupal e unha avaliación sobre o traballo realizado.

Algunhas das cuestións que se presentarán son as seguintes: Que é o que máis destacas do proceso creativo? Cales foron as maiores dificultades? Con que quedas do proxecto? Que che ofreceu esta experiencia?

Para finalizar levarase a cabo unha presentación de posibles modos de difusión e promoción de videoclips (festivais, redes sociais, presentacións alternativas...).

PRENOM

Mar Catarina (Vilagarcía de Arousa, 1988)
O seu primeiro achegamento á expresión artística foi a través da danza, xa que asistiu a clases de ballet dende moi cativa ata os dezaoito anos, cando marchou a Compostela a realizar os seus estudos de licenciatura en Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, da cal estudou o último curso na Universitat Pompeu Fabra en Barcelona. En xullo de 2012 rematou o posgrao en Fotografía, Proxecto e Arte Contemporánea organizado polo IPA en colaboración co Atelier de Lisboa, onde realizou obradoiros con Jem Southam ou Daniel Blaufuks. En xullo de 2014 cursou o mestrado en Profesorado na especialidade de Artes Plásticas e Visuais na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e en 2017 finalizou o mestrado en Comunicación Audiovisual de Servizo Público da UNED.

No ano 2010 crea, xunto a Rubén Domínguez, a produtora e editora Prenom a través da cal realizan deseños audiovisuais de diversa índole (curtametraxes, videoclips, vídeos experimentais...) e en 2014 comezan a editar álbums para diferentes bandas galegas como Chicharrón,  Elvis Negro, Pantis ou Esposa. É autora de proxectos fotográficos como  Memoria (2010), Segunda pel (2011) e A Lagoa (2012); é realizadora de vídeos experimentais como Outra (2007) ou Punto, eixe, pegada (2014), e tamén conta con diversos videoclips para bandas galegas coma Franc3s, Ataque Escampe, Chicharrón ou Atrás Tigre. Formou parte de varios grupos como Cudevaso, jijiji ou Chicharrón, e actualmente toca en Esposa.

Rubén Domínguez (Ogrobe, 1987)
Comeza dende moi novo a debuxar e pintar aínda que non é ata os quince anos cando descubre os medios dixitais e as súas posibilidades. A partir de aí, e influenciado pola súa paixón pola música, comeza a estreitar as relacións entre deseño, imaxe e son encontrando o seu camiño nunha simbiose entre a colaxe punk e a arte pop. Mentres estuda na Escola de Imaxe e Son da Coruña comeza a tocar na banda Telephones Rouges, feito que vinculará moi estreitamente o seu traballo vindeiro co mundo da música. Despois de entrar na Universidade de Vigo, comeza a desenvolver máis profesionalmente a súa labor como deseñador e realizador audiovisual, firmando traballos para bandas como Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Unicornibot, Franc3s ou El Columpio Asesino e traballando para discográficas e empresas como Mushroom Pillow, Limbo Starr, Mapatadre, Acuarela, Work On Sunday Management ou o Canal Rías Baixas.