Ciclo de outono-inverno (2016-2017)

Novembro e decembro de 2016 e xaneiro de 2017
Casa da Estación de Santa Cruz de Ribadulla

Organiza: Asociación Senunpeso Producións
Colabora: Concello de Vedra / A. C. Papaventos.

Ciclo de cinema galego documental.

 

Sábado 5 de novembro ás 20 h
Tralas luces, de Sandra Sánchez (2011)
Documental. 112 min.

A historia dunha viaxe vital, a de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte de España xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ás costas. Hai anos, esta pista era o seu gran soño, pero os soños teñen vida propia e non sempre se corresponden con ideais e fantasías. Lourdes afógase nas súas esperanzas e ninguén parece darse conta, unha invisibilidade propia de desigualdades varias, marcada pola súa condición de muller. A través de estradas, pobos e aldeas, descubriremos un mundo en perigo de extinción, unha vida itinerante, e sobre todo, unha gran historia de amor e de perda.

 

Sábado 3 de decembro ás 20 h
Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés (2015)
Documental. 87 min.

unha das estreas máis recentes e con mellor acollida do cinema documental galego chega a Vedra da man de Senunpeso. En 1992, a construción do encoro de Lindoso (Portugal) anegou para sempre a aldea de Aceredo (Ourense, Galicia). O filme de César Souto e Luís Avilés fai un retrato da destrución programada do lugar, partindo das propias imaxes que no seu día gravaron os protagonistas da traxedia. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, Francisco Villalonga e outros veciños da aldea colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a rexistrar. As súas imaxes, filmadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares. A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que transcende fronteiras e que se proxecta en múltiples sentidos máis alá de si mesma.

Presentación e coloquio: César Souto.

 

Sábado 14 de xaneiro ás 20 h
En todas as mans, de Diana Toucedo (2015)
Documental, 100 min.

Este documental pretende mostrar o mundo do monte veciñal, unha realidade próxima, escasamente coñecida e mesmo pouco valorada. Ao tempo, quere sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio. Pretende facer fincapé na titularidade comunitaria como un elemento que fai parte do patrimonio cultural galego e busca o recoñecemento para as persoas que conforman as comunidades de montes. Pretende construír un relato tecido coas voces das xentes das comunidades e do ámbito académico, construíndo unha ollada diversa e unha reflexión colectiva sobre o monte veciñal e o seu futuro.

Presentación e coloquio: Trespés Soc. Coop.

Log In or Sign Up

Se estás matriculado/a en algún obradoiro do LAV introduce os teus datos de acceso para acceder ao foro de alumnos.

¿Recordar contraseña? / ¿Recordar usuario?