Ciclo de outono: memoria e muller (2017)

Outubro, novembro e decembro de 2017
Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla

Organiza: Asociación Senunpeso Producións
Colabora: Concello de Vedra / A. C. Papaventos.
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña

O ciclo “Memoria e muller” achégase a través de tres documentais e un drama á memoria das mulleres que, en contextos moi diferentes, tiveron a coraxe de percorrer camiños non trazados.

Os filmes deste ciclo queren rescatar do esquecemento o papel das mulleres na renovación pedagóxica durante o franquismo, na resistencia ás ditaduras sudamericanas, na febre do volframio en Galicia durante a II Guerra Mundial e na loita pola supervivencia mediante o estraperlo na fronteira con Portugal.

O ciclo contará coa presenza de protagonistas, actores e directoras dos filmes proxectados, para presentalos e participar no coloquio posterior.


Domingo 8 de outubro ás 18 h
A palabra xusta, de Miguel Piñeiro (2016)
Documental. 74 min.

Un achegamento a Antía Cal, Tita para os seus alumnos, unha muller singular que en 1961 fundou nun garaxe en Vigo o Colexio Rosalía de Castro, poñendo en marcha unha das máis singulares experiencias educativas da súa contorna, un referente da renovación pedagóxica. Aos seus 92 anos, Tita vai debullando ante a cámara os seus recordos, os seus pensamentos, as súas emocións: todo canto a conformou como muller, como mestra e como pedagoga que deixou unha fonda pegada no seu alumnado.

Presentación e coloquio: Antía Cal.

 

Sábado 11 de novembro ás 20 h
Migas de pan, de Manane Rodríguez (2016)
Drama baseado en feitos reais. 109 min.

Con Cecilia Roth, Justina Bustos, Ernesto Chao, Quique Fernández, Artur Trillo, Sonia Méndez.

Drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha ex presa política da última ditadura de Uruguai (1973-1985). A moza foi encarcerada no ano 1975 polas súas ideas, foi torturada e perdeu a custodia do seu fillo. Anos despois, en 1982, Liliana decide volver ao seu país para enfrontarse ao seu pasado. Alí terá que elixir entre o que lle pide o seu corazón e o que lle dita a súa conciencia, e enfrontarase ao dilema de elixir entre a concordia co seu fillo e a denuncia colectiva que prepara un grupo de antigas compañeiras de presidio.

Non recomendada a menores de 16 anos.

Presentación e coloquio: Ernesto Chao.

 

Sábado 2 de decembro ás 20 h
A luz do negro, de Encarna Otero (2014)
Documental, 34 min.
Mulleres da raia, de Diana Gonçalves (2009)
Documental, 42 min.

A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado do Fontao céntrase na febre mineira que se viviu durante a II Guerra Mundial, cando aliados e alemáns se disputaban o volframio que saía das minas galegas. Entre elas estaba a da Brea, en Vila de Cruces, que ocupou miles de homes e mulleres. Estas tiñan vetado o labor nas galerías e na fábrica, mais participaban no lavado e na separación do mineral. Moitas estiveron en concesións independentes e nas redes de estraperlo.

Mulleres da raia é unha viaxe ás fronteiras de Portugal e Galicia que nos transporta ao noso pasado máis recente, no que o contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas.

Presentación e coloquio: Encarna Otero e Diana Gonçalves.

Log In or Sign Up

Se estás matriculado/a en algún obradoiro do LAV introduce os teus datos de acceso para acceder ao foro de alumnos.

¿Recordar contraseña? / ¿Recordar usuario?