A asociación

A Asociación Senunpeso Producións naceu Vedra en agosto de 2009. Foi fundada por un grupo de persoas que, ao amparo da Asociación Cultural e Deportiva Verea, puxeran en marcha en 2008 “Formacción, Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual”. Logo da realización de dúas edicións desta actividade, decidiron crear Senunpeso e centrarse no audiovisual.

A asociación realizou a súa primeira actividade importante en 2010, coa organización do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que, co formato de xornada de formación e mostra audiovisual, daba continuidade ao anterior Formacción. Comezou así unha andaina de traballo a prol unha sociedade máis crítica e autoconsciente empregando como recurso principal o audiovisual.

Na Asociación Senunpeso traballamos con tres referentes: o audiovisual, o rural e Galicia.

Entendemos o audiovisual coma un feito colectivo, onde todas as partes son importantes, e onde, aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais, é posible facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Consideramos que a sociedade rural ten vigor, é participaiva e gusta de estar ao tanto do que acontece no mundo. Unha sociedade moi diversa na que teñen lugar moitas máis manifestacións culturais que as ligadas directamente á cultura tradicional, e que pode ser, e de feito é, receptora e produtora de creacións audiovisuais.

A nosa actividade enmárcase no contexto cultural galego. Dámoslle importancia ao local, pero buscamos chegar á poboación máis aló do noso concello e axudar a dar a coñecer as producións audiovisuais creadas en Galicia.

As nosas principais liñas de traballo son:

Formación: centrada en ofrecer competencias a todo tipo de persoas no ámbito audiovisual e noutras disciplinas próximas.

Promoción e exhibición audiovisual: centrada en divulgar no noso ámbito as creacións audiovisuais galegas e promover o traballo dos seus directores e directoras.

ESTATUTOS

Descarga os estatutos

DIRECTIVA ACTUAL

Presidenta: Esmeralda L. Castro
Vicepresidente: Javier López
Secretaria: Lucía Vázquez
Tesoureiro: Moisés Álvarez
Vocais: Carla Pérez, Abelardo Rendo