Concurso A Fume de Carozo 2019

INSCRÍBETE!

Entre o 11 e o 13 de outubro de 2019 terá lugar un concurso de realización de curtas express en Vedra no que os participantes terán 48 horas para crear unha peza audiovisual seguindo uns requisitos revelados pola organización no comezo do festival.

Límite de 15 equipos participantes.

DESCARGA AS BASES

Descarga as bases de A Fume de Carozo

Nome representante do grupo
Correo electrónico

Quen pode participar?

Calquera persoa maior de 14 anos, de xeito individual ou en grupo, que se inscriba na web www.senunpeso.org. O número máximo de equipos é de 15..

Cal é o obxectivo?

Realizar unha curtametraxe con total liberdade sobre o xénero (ficción, documental, experimental, videodanza...) ou a técnica, sempre e cando a curtametraxe cumpra as condicións establecidas e teña unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).

Canto custa?

10 € por equipo de rodaxe.

Cal é o premio?

1.000 € á mellor curtametraxe

Como é a programación?

Venres 11 de outubro

  • Arranca o concurso.
  • 17 h: Recepción e presentación das normas comúns e específicas de cada categoría do concurso no Centro Sociocultural de Vedra.
  • A organización facilitará un espazo para reunións e edición do que as persoas participantes poderán dispoñer nun horario específico, así como información de interese que poida servirlles para orientar as pezas ou conseguir recursos (localizacións, ideas, actores e actrices etc.).

Sábado 13 de outubro

  • Continúa o concurso.
  • En horario de mañá, unha persoa profesional do audiovisual estará dispoñible como mentor/a co fin de orientar e resolver dúbidas sobre a planificación (idea, guión, preprodución...).
  • En horario de tarde, unha persoa profesional do audiovisual estará dispoñible para asesorar sobre a realización (rodaxe, produción...).

Domingo 14 de outubro

  • Últimas horas do concurso.
  • En horario de mañá, unha persoa profesional do audiovisual estará dispoñible para mentorización cun enfoque centrado na edición (montaxe, posprodución...).
  • 17 h: entrega das pezas audiovisuais no Centro Sociocultural de Vedra.
  • 17:30 h: proxección de todas as pezas resultantes do festival, aberta ao público xeral.
  • Ao rematar a exhibición: deliberación do xurado e entrega de premios.

BASES

A Asociación Senunpeso Producións convoca a segunda edición do concurso A Fume de Carozo do LAV.mov, un certame de realización express de curtametraxes que ten como obxectivo promover o interese pola creación audiovisual, descubrir novos talentos e aumentar o impacto da actividade de Senunpeso en Vedra e comarca.

O concurso desenvolverase do 11 ao 13 de outubro de 2019 no concello de Vedra.

INSCRICIÓN

  • A participación no certame poderá ser de xeito individual ou en grupo, considerándose ambas as modalidades equivalentes e indistintas á hora de optar aos premios. Todas as persoas que participen deben ter máis de 14 anos (as menores de 18 anos deberán achegar unha autorización asinada por un dos proxenitores ou o/a titor/a legal).
  • A inscrición formalizarase a través de internet cubrindo un formulario na web www.senunpeso.org, onde se deberá indicar:
    • Nome, apelidos, teléfono e e-mail da/s persoa/s responsable/s do equipo.
    • Número de membros do equipo.
    • Nome e apelidos de todas as persoas participantes.
  • A inscrición ten un custo de 10 € por equipo de rodaxe (con independencia do número de persoas que o integren). A cota de inscrición pagarase a través de PayPal ao realizar a inscrición na web www.senunpeso.org. A praza non estará reservada ata que se efectúe o pagamento.
  • O número máximo de equipos participantes será de 15 (as persoas que se presenten de xeito individual contan como un equipo).
  • A inscrición poderá realizarse a partir do 1 de setembro de 2019 e finalizará o 7 de outubro de 2019. Tras cubrir o número máximo de equipos por estrita orde de pagamento, elaborarase unha lista de espera de equipos que poderán participar se hai baixas.

RECEPCIÓN DE PARTICIPANTES

  • O venres 11 de outubro de 2019 ás 17 h convocaranse as persoas participantes individuais e os equipos (ou representante/s do equipo) na Biblioteca Municipal de Vedra para proporcionarlles:
    • As normas particulares do concurso que non sairán á luz ata ese momento. Estas condicións, que poden ser relativas á temática, (guión, localizacións, atrezzo etc.), serán de obrigado cumprimento.
    • Un catálogo de escenarios e contornas naturais que ofrece o concello de Vedra, dos que poden dispoñer os equipos participantes.
    • Unha carteira de actores e actrices afeccionados de Vedra, dispoñibles para participar nas curtametraxes.
  • Calquera equipo que non se presente á recepción perderá o dereito ao premio do certame.

O CONCURSO

  • As curtametraxes realizaranse na súa totalidade en 48 horas, desde as 17 h do venres 11 de outubro de 2019 ata as 17 h do domingo 13 de outubro de 2019. Calquera traballo anterior a ese período de tempo significará a descualificación da curtametraxe.
  • No inicio do concurso, a organización desvelará os requisitos xerais e específicos que deberán cumprir todas as curtametraxes para poder optar ao premio.
  • A lingua empregada nas curtametraxes debe ser o galego. Con todo, non se descualificarán aquelas pezas en que algún personaxe fale noutra lingua por esixencias do guión ou, no caso das curtametraxes documentais, se a lingua en que se expresa algunha das persoas entrevistadas non sexa o galego.
  • A organización facilitaralles a todos os equipos información de interese que poida servirlles para orientar as pezas ou conseguir recursos (localizacións, recursos, actores e actrices etc.).
  • A organización facilitará un espazo para reunións e edición do que poderán dispoñer as persoas participantes nun horario específico.
  • Cada persoa ou equipo participante traballará co seu propio material técnico de rodaxe (cámara, móbiles, gravadoras, micros, claquetas, material de iluminación etc). A organización non se fai responsable de ningún dano, subtracción ou perda do devandito material.
  • As persoas ou equipos participantes deben ter os dereitos sobre calquera música utilizada ou empregar música libre de dereitos (con licenza Creative Commons).
  • Na creación das curtametraxes existe total liberdade sobre o xénero (ficción, documental, experimental, videodanza...) ou a técnica, sempre e cando se cumpran as condicións xerais e específicas reveladas na recepción do día 11 de outubro ás 17 h. A peza audiovisual deberá ter unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos).

MENTORIZACIÓN

  • Durante a fin de semana do concurso estarán dispoñibles tres persoas mentoras para calquera equipo ou participante individual co fin de orientar e resolver dúbidas. As persoas mentoras serán profesionais do sector audiovisual.
  • As persoas mentoras distribuiranse da seguinte maneira:
    • Dúas dispoñibles o sábado, unha cun enfoque centrado na planificación (idea, guión, preprodución...) e outra na realización (rodaxe, produción...).
    • Unha dispoñible o domingo cun enfoque centrado na edición (montaxe, posprodución...).

ENTREGA DA PEZA

  • As curtametraxes serán entregadas o domingo 13 de outubro de 2018 ás 17 h no Centro Sociocultural de Vedra. Calquera peza audiovisual entregada despois das 17 h non poderá optar ao premio.
  • Cada grupo só poderá entregar unha peza.
  • Os equipos deben entregar as pezas audiovisuais nun pen drive (que será devolto no mesmo día) en formato .mp4 (H.264), cunha resolución mínima de 720p e bitrate de entre 10.000 e 15.000 kbits/s.
  • A organización non se fai responsable se unha peza audiovisual dá erro de lectura ou erro de formato.
  • Cada curtametraxe deberá conter:
    • Cortinilla (que se poderá descargar da web)
    • Título
    • Peza audiovisual
    • Créditos finais
  • Cada equipo ou participante individual deberá entregar cuberta coa peza unha ficha técnica facilitada pola organización coa información da curtametraxe (categoría, título, duración, formato, xénero, sinopse, equipo técnico, equipo artístico...), coa cal se comprobará que cumpriron todas as condicións.

EXHIBICIÓN

  • Todas as curtametraxes presentadas serán proxectadas publicamente o domingo 13 de outubro de 2019 no Centro Sociocultural de Vedra a partir das 17.30 h. Posteriormente, farase a entrega de premios.

XURADO

  • O xurado, composto por profesionais do sector do audiovisual, será o responsable de outorgar os premios ás curtametraxes que cumpran todos os requisitos impostos pola organización.
  • O xurado poderá declarar deserto o premio así como outorgalo ex aequo (neste caso dividiríase o importe do premio entre os equipos premiados).
  • O fallo do xurado será inapelable.

PREMIOS

  • O premio á mellor curtametraxe será de 1.000 euros.
  •  O premio entregarase mediante transferencia á conta da persoa que figure na inscrición como responsable do equipo gañador. A estas cantidades efectuaránselles as retencións fiscais que resulten obrigatorias en aplicación das normas fiscais vixentes.

ASPECTOS LEGAIS

  • As curtametraxes deberán ser orixinais. Cada equipo ou participante individual comprométese a obter todos os dereitos de explotación da peza audiovisual, así como a cesión de dereitos das persoas autoras (guionistas e músicos/as se os houber) e a cesión de dereitos de imaxe de intérpretes. A organización non se fai responsable das posibles sancións que se deriven polas infraccións de dereitos de terceiros.
  • A organización non se fai responsable das posibles sancións que se deriven polas infraccións de dereitos de terceiros e ten o dereito de non admitir a concurso aquelas curtametraxes que considere que violen os devanditos dereitos.
  • As curtametraxes que se presenten non poden ser exhibidas antes da entrega de premios do LAV.mov.
  • As persoas participantes ceden á organización os dereitos de comunicación pública e reprodución das curtametraxes realizadas, de forma non exclusiva, con fins unicamente promocionais e divulgativos do concurso. Así mesmo, a organización conservará unha copia de cada peza producida no seu arquivo.
  • A organización conta cun seguro de responsabilidade civil, mais todas as persoas participantes deben actuar con precaución e seguridade nos días que dura o concurso.
  • As persoas participantes que queiran presentar noutros circuítos audiovisuais a curtametraxe que realizaron dentro do LAV.mov  deberán conservar a cortinilla.
  • A participación no certame LAV.mov implica a aceptación das normas redactadas nestas bases.