Obradoiro “Dirección de fotografía: cámara e iluminación en documentais e ficción”

CHEGAS TARDE, ISTO XA PASOU

Prazas? 15

Prezo? 50 €

Desconto do 50% para soci@s de Senunpeso e veciñ@s de Vedra

Desconto do 20% para alumnado da Facultade de CC da Comunicación da USC

Cando? sábado 5 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 19:30 h; domingo 6 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 17:30 h

Onde? Centro Social de Vedra

Impartido por: Jaime Pérez

Dirixido a: persoas con coñecementos de nivel medio ou alto, preferentemente con algunha experiencia en rodaxes de calquera tipo (non é obrigatorio).

Material necesario: recoméndase que aquelas persoas que teñan unha cámara a traian para poder ver o resultado das escenas iluminadas.

PROGRAMA

A dirección de fotografía pode semellar un concepto moi elevado, pero en realidade non é máis que o acto de se responsabilizar da parte da cámara e da luz nun proxecto audiovisual, que tanto pode ser unha pequena publicidade ou webserie como unha gran produción.

Trátase dun obradoiro moi intensivo onde non se estudarán aspectos específicos de tecnoloxía do sinal de vídeo nin cuestións puramente teóricas, senón que se verán situacións reais e prácticas, e o alumnado poderá poñer en marcha diferentes exemplos grazas a poder contar con material de iluminación.

A intención deste curso é tratar a dirección de fotografía desde a preparación ata a realización do proxecto. Por un lado, tocaranse as distintas partes do proceso: como localizar, a preparación de listaxes de material e esquemas de luz, a rodaxe etc., e, por outro lado, farase unha análise detallada da iluminación de exemplos reais de documentais de entrevistas e de secuencias de ficción que realizou o profesor (Esquece Monelos; Avión, el pueblo ausente; Lurna; Luci; Casa Manola; Hierro...), así como de casos concretos que achegue o alumnado. Finalmente, as persoas que asistan a este obradoiro poderán practicar os coñecementos adquiridos mediante a iluminación de varias situacións: entrevistas, secuencias en coche, en interior de día e de noite, en exteriores…

jaimeperez

JAIME PÉREZ

Jaime Pérez Fernández leva máis de vinte anos no sector audiovisual como operador de cámara e operador de steadicam, e desde hai uns anos tamén como director de fotografía.

Como operador de steadicam (se cadra a súa faceta máis sonada) destaca o seu brillante plano secuencia da Praza de Vigo na película O descoñecido (Dani de la Torre, 2015) de máis de seis minutos que empeza enriba dun guindastre de 11 metros de altura. Como director de fotografía ten un currículum moi variado, que vai desde series para a TVG ata a longametraxe documental Esquece Monelos, pola cal gañou o Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía en 2017, ou a serie Hierro (segunda unidade), unha coprodución internacional de Movistar+ e Arte.

O seu último traballo foi como operador de cámara A e steadicam na superprodución Warrior Nun (Netflix USA), que se estreará o próximo ano como unha das apostas máis fortes da plataforma a nivel mundial. Actualmente, atópase preparando unha longametraxe como director de fotografía.