Obradoiro “Pensar e contar unha serie de TV”

CHEGAS TARDE, ISTO XA PASOU

Prazas? 15

Prezo? 50 €

Desconto do 50% para soci@s de Senunpeso e veciñ@s de Vedra

Desconto do 20% para alumnado da Facultade de CC da Comunicación da USC

Cando? sábado 5 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 19:30 h; domingo 6 de outubro de 10 h a 14 h e de 15:30 h a 17:30 h

Onde? Centro Social de Vedra

Impartido por: Pepe Coira

Dirixido a: persoas interesadas en escribir/producir series ou persoas que senten curiosidade por desentrañar os mecanismos que operan na ficción televisiva. O nivel é intermedio.

Material necesario: só se precisa material de escritura. Vale desde lapis e papel ata ordenador con software de escritura xeral ou especializada en guión.

PROGRAMA

Introdución

Como idear unha serie de TV? Como desenvolver unha idea ata convertela nun proxecto susceptible de producirse ou comprobar que non dá de si tanto como para iso? Dito doutro xeito, de que está feita unha serie de TV? E a esta séguelle unha segunda pregunta, máis relacionada coa primeira do que podería parecer: como contala para que teña algunha opción no mercado?

Para buscar respostas, e que sexan o máis concretas posibles, neste obradoiro o alumnado practicará desenvolvendo minimamente unha idea de serie. Traballaraa, moldearaa, cambiaraa e marearaa como se adoita facer no mundo profesional.

Pensar unha serie

Hai series longas e curtas, diarias e semanais; hai series que son comedias, ou dramas, ou dramedias; hai series procedementais e sitcoms, culebróns e soaps, de policías ou de médicos...

Hai infinidade de variantes á hora de definir unha serie. Variantes que se combinan e hibridan como só o medio televisivo permite. E todas elas, decisivas. Pero, no fondo, son dúas as opcións básicas entre as que debemos escoller: unha serie que sexa sobre todo un relato (como a maioría das novelas, películas ou pezas teatrais) ou unha serie que sexa sobre todo un costume (que non naza con data coñecida de caducidade, que poida durar tanto como o público/quen a programa queira).

O xeito de pensar un tipo de serie ou o outro é bastante diferente. En ambos os casos trátase de xestionar un universo, uns personaxes e unhas liñas argumentais nun determinado ton. Pero todo o demais é distinto.

Contar unha serie

Digamos que o traballo está feito. Que temos unha serie pensada dabondo como para saír aí fóra e buscar convencer a outros (unha produtora, unha televisión...) para que a serie se faga. Como llela contamos? Que debemos dicir/escribir, sabendo que ninguén está disposto a perder moito tempo connosco, que tendemos a non ler o que nos dan a ler?

Para ben e para mal, quen pensa unha serie ten xusto a continuación (ou antes!) un traballo importante que facer: contala e que guste. Á súa pericia pensando haberá que sumar a súa pericia contando, explicando, vendendo. Son habilidades distintas, pero teñen algo importante en común: ambas van do que lle queremos ofrecer ao público.

Ao longo de dúas xornadas, o alumnado irá entrando con algún detalle nos distintos aspectos do anteriormente citado mediante un achegamento práctico: pensar unha serie e ver como se conta.

pepecoira

PEPE COIRA

Desde o ano 2000, cando empezou a traballar como editor de guión de Mareas vivas, dedícase á televisión como produtor executivo e guionista. Foi xefe de Desenvolvemento en Voz Audiovisual e Fílmax Galicia. Desde 2010 combina o traballo freelance co desenvolvemento de proxectos de series para Portocabo. Traballou en series como Terra de Miranda, As leis de Celavella, Hispania ou Luci. A súa última serie, como creador e xefe de guionistas, foi Hierro (Movistar+, Arte, Portocabo, Atlantique).